Categorías
General

COMPOSTELA 6: unha Historia ignorada

Como pasa coa historia de Galicia, a de Compostela permanece tamén na escuridade. As praquiñas que adubían as nosas vivendas de significación histórica fan, case sempre, mención de cidadáns pequenos, con historias pequenas que, sen máis lembranza ca un cacho de ferro con tendencia a esferruxar ou a emporcar co paso do tempo (porque quen o colgaron pensaron máis na nota de prensa ca na memoria), pasan ao esquecemento co mesmo ritmo ca se dilúen as marcas das súas letras. Triste, inxusto, mesmo indignante, pero así é.

Un dos escasísimos acertos do coruñés Martiño Noriega no seu paso pola alcaldía foi reforzar o icono das “dúas marías” cunha praca lembrando a súa historia pero, sen algo máis ca iso, moito me temo que o seu destino será o mesmo que as demais praquiñas que zarrapican o noso Santiago de ferruxe empedrado. Lembrar é só un paso, recuperar a memoria, consolidar o recordo, precisa moito máis ca pracas -por moitas que poñas nunca serán abondas se somente quedas aí-.

O primeiro paso é debuxar a lembranza na súa globalidade. A construción do Santiago do pasado non é só a suma de historias individuais senón moitísimo máis ca iso. Nunca a suma duns individuos fixeron unha sociedade ou unha comunidade. As sociedades, as comunidades, fórmanse a partir de fíos e de nós que nos unen uns aos outros e nos lembran, coa súa presenza e forza, o que nos debemos uns aos outros. E o noso Santiago, como sociedade histórica que é, ten eses lazos aí, mais debilitados pola desmemoria e o esquecemento.

Falo non só do noso glorioso pasado medieval, piar fundamental na loita con Toledo pola capitalidade peninsular da cristiandade (Afonso X ‘o sabio’ prefería Toledo, por certo), senón tamén o noso papel e o rol desa loita invisible na explicación da formación e independencia de Portugal a partir das ambicións de D. Diego de Xelmirez. Tamén, por suposto, do mito Xacobeo, construído a partir do s. VIII. Ou do Camiño de Santiago como vertebrador da presenza de Galicia nos mapas medievais (igual ca Lugo ou Braga foron fundamentais na época clásica).

Pero, se algo me doe especialmente é ver como estamos a borrar por completo a gloriosa Compostela dos sécs. XVIII e XIX. Sei que a ilustración non foi unha influencia especialmente intensa en España (só Carlos III tentou dignificar, honestamente, o seu proxecto filosófico na península). Pero isto só acrecenta o valor de Compostela naquela época como faro intelectual dun galeguismo que agromaría no s. XIX a partir das ideas da revolución francesa (mal que lle pese a Alfredo Brañas, conservador tradicionalista que tamén dignificou Santiago co seu traballo).

Nós fomos o faro de todos eses debates. A luz que iluminou a meirande parte dos textos escritos en galego nesta época (aquí viña o cura de Fruíme a facer campaña para recadar fondos para a súa parroquia). A luz de Santiago iluminou tamén a frei Martin Sarmiennto. En Cacheiras tivo lugar a batalla máis importante de Solís no alzamento de 1846 (revolución totalmente ignorada). Aquí estaban os intentos de intelectualidade máis senlleira de todo o s. XIX. E nos nosos muros tivo lugar o debate máis rico de Galicia (e un dos máis serios en toda España) entre tradicionalistas e progresistas, bandos liderados por Brañas e Murguía, respectivamente. Onde está a memoria de todo aquilo?

A grandeza de Santiago esmorece porque quen debera lembrala nin se quera imaxina que, mesmo máis dunha vez, Compostela foi faro guía, luz no horizonte, dun país que camiñaba -ás apalpadas- na procura do seu destino.

A memoria non se recupera con pracas que enferruxan senón con lembranzas indelebles dos grandes feitos que, grandes persoeiros, axudaron a soerguer no tempo co seu esforzo e sacrificio. Santiago ben merece ese esforzo.

Por Fran Martínez

Chámome Francisco Martínez Hidalgo. Nado en Compostela (1977). Ldo. en Filoloxía Galega (2000) e en Ciencias Políticas (2005), doutor en Ciencia Políticas coa miña tese en "Marketing político". Docente do ensino secundario interino e viaxeiro con experiencia en Universidade, FP e ESO. Colaboro con quen teña unha boa idea ou unha boa pregunta.

Dende pequeno, cando xogaba polas galerías Viacambre, poucas veces fun quen de afastarme da cidade que adoro, se ben unha das cousas que máis me gustan é facer turismo galaico por montes, pazos, castros e lendas populares.

Moi pouco deportista, o meu interior sempre loita entre a necesidade de moverme, e o desexo por seguir lendo algún libro máis. Con todo, o Kompos é o meu equipo -influído decisivamente por cando meu pai me levaba a Santa Isabel a ver á SD cando estaba en 3ª división.

Testarán como poucos teño coñecido, teño tendencia a resultar inicialmente excéntrico, cando ao final acabo sendo entre normaliño e aburrido. Falo sempre do mesmo. E pouca xente me aguanta (todos persoas excepcionais e marabillosas, como non pode ser doutro xeito).

Namorado e prometido coa mellor muller que teño coñecido, loito cada día por manter a integridade ao tempo que fago posible o soño de vivir ao seu lado o resto dos días da miña vida. Se pode ser, nunha sociedade en paz, libre e aberta.

Deixar un comentario