Categorías
General

COMPOSTELA 5: as tres compostelanías

Todas as persoas censadas en Santiago de Compostela somos composteláns, santiagueses e picheleiros; pero non todos somos iguais. A seguir, propóñovos unha clasificación de quen somos os que somos, por que somos como somos cada un de nós, e o que nos diferenza. Preparados? Imos aló!

O primeiro paso é diferenciar “ser” de “estar”. Todas as persoas accedemos á cidadanía compostelá porque, a través do noso censo, manifestamos un compromiso co sitio onde “estamos” residindo. Un compromiso que se concreta a través das obrigas fiscais e de obediencia ás ordenanzas que regulan a nosa convivencia neste lugar, administrativamente coñecido como Concello de Santiago de Compostela (mestura, por certo, de varios outros concellos antes anexionados, entre eles o Concello de Conxo). Isto quere dicir que a nosa “cidadanía” é, ante todo, unha vontade individual expresada a través dunha solicitude censal.

Algo moi distinto é, xa que logo, a “identidade” construída a través da influencia que, sobre nós, fai o tempo no que estamos “residindo” neste lugar noso de Santiago de Compostela. É, precisamente, o tempo, a variable que determina a diferenza entre estas tres “compostelanidades” que vos propoño:

  1. Picheleiro/a: a partir da segunda xeración (neto/a de santiagués, fillo/a de santiagués, e ligados a Santiago) é que entras a formar parte desta categoría. Aquí, todos os trazos antes vistos teñen xa pleno asentamento e vixencia. Non desesperas porque as cousas de palacio vaian devagar, aceptas con calma que no teu entorno pouco mude porque ti amas as cousas pequenas, eses detalles que te uniron á cidade dende a infancia. A túa familia ampla (tíos/as, avós/as…) está aquí, as túas amizades están aquí, todo o teu mundo se forxou aquí. E cantas máis xeracións pasen estando aquí, máis notable será ese gusto teu polos paseos polas beiras do Sar, os viños, os pequenos e excelentes locais diurnos e nocturnos…
  2. Santiagués/a: es un/nha fillo/a de Santiago de Compostela de primeira xeración. Naciches aquí, creciches aquí, pero as túas raíces estaban noutros sitios, máis ou menos lonxanos. Moi probablemente, algún de teus proxenitores é/foi funcionario/a e chegou aquí cando, coa democracia, esta cidade sumou a capitalidade administrativa á súa condición de capitalidade espiritual e moral de Galicia. Esta condicón híbrida fixo que, ás veces, foras “á aldea”, embutido no coche familiar, viaxando horas nunha abafante lata, na procura da túa “familia extensa”. Dubidas sobre se amas ou odias o que ves porque, mentres unha parte de ti adora esa tranquilidade que Santiago sempre achega, outra parte de ti adoece por fuxir na procura de novos retos e dunha maior actividade. Se segues aquí, os teus fillos/as serán “picheleiros/as” pero, se decides marchar, contigo irá esa pequena faísca de “calma santiaguesa” para facerche compaña cando o precises; por iso, aínda que sexa de visita, sempre acabarás volvendo (outro cantar será que o fagan as seguintes xeracións).
  3. Compostelán/á: chegaches cun traballo apenas sacada a túa oposición ou ben viñeches coa ansia de obter un título universitario, gustouche a “calma santiaguesa” e decidiches quedar. Aquí estás, por motivos alleos, nunha cidade allea que, pouco a pouco, consegue seducirte; se ben as túas raíces están, todas elas, noutro(s) sitio(s). Mentres os motivos para a túa residencia permanezan, ti tamén o farás, pero uns lonxanos fíos invisibles tiran de ti e será, precisamente, a forza destes fíos a que decida se, finalmente, asentas aquí ou non. Para decidilo, os primeiros meses fíxaste no pintoresco e curioso que esta cidade ofrece e, especialmente, no noso microcosmopolitismo. Pero, a medida que vas entrando máis en contacto coa “calma santiaguesa” vas sentindo que, trala variedade e dinamismo aparentes, hai un sosego espectral que mantén as cousas nun status quo, a ollos foráneos, case invariable. Compostela móveseche como na tectónica de placas se move a codia terrestre e ese é un ritmo que non todo o mundo aprecia do mesmo xeito no que vale. O valor que ti lle deas tamén determinará a túa decisión. Agora es un/nha compostelán/á máis… durante canto tempo? Só ti tes a resposta.

Estas tres formas de “estar” en Santiago de Compostela veñen determinadas polo “tempo” e a “maneira” na que a “calma santiaguesa” nos marcou. Canto máis tempo en Santiago, dunha forma máis clara forma parte da nosa idiosincrasia esa visión da vida tan relaxada que temos aquí, ese gusto polos pequenos praceres e esa facilidade para soportar os inconvenientes de vivir no Caribe pétreo que é a cidade que me viu nacer.

E, por suposto, tamén está a forza deses fíos que, se acabas de chegar ou só levas aquí unha xeración, aínda notas como te conectan a outra forma de ser e de pensar, por contraste, tan distinta á de aquí.

Se Santiago quere crecer precisa, por necesidade, ser consciente desta loita interna en moita da súa cidadanía e, xa que logo, poñer en valor o positivo do seu auténtico ser. Un traballo que, ademais de reforzar a “calma santiaguesa”, debe recuperar eses vellos praceres esquecidos que o tempo levou.

Entre eles está o chocolate, o doce líquido que tantas xoias da nosa gastronomía local bañou e que, hoxe extintas, merecen unha lembranza. Pero isto, claro, será outro día.

Por Fran Martínez

Chámome Francisco Martínez Hidalgo. Nado en Compostela (1977). Ldo. en Filoloxía Galega (2000) e en Ciencias Políticas (2005), doutor en Ciencia Políticas coa miña tese en "Marketing político". Docente do ensino secundario interino e viaxeiro con experiencia en Universidade, FP e ESO. Colaboro con quen teña unha boa idea ou unha boa pregunta.

Dende pequeno, cando xogaba polas galerías Viacambre, poucas veces fun quen de afastarme da cidade que adoro, se ben unha das cousas que máis me gustan é facer turismo galaico por montes, pazos, castros e lendas populares.

Moi pouco deportista, o meu interior sempre loita entre a necesidade de moverme, e o desexo por seguir lendo algún libro máis. Con todo, o Kompos é o meu equipo -influído decisivamente por cando meu pai me levaba a Santa Isabel a ver á SD cando estaba en 3ª división.

Testarán como poucos teño coñecido, teño tendencia a resultar inicialmente excéntrico, cando ao final acabo sendo entre normaliño e aburrido. Falo sempre do mesmo. E pouca xente me aguanta (todos persoas excepcionais e marabillosas, como non pode ser doutro xeito).

Namorado e prometido coa mellor muller que teño coñecido, loito cada día por manter a integridade ao tempo que fago posible o soño de vivir ao seu lado o resto dos días da miña vida. Se pode ser, nunha sociedade en paz, libre e aberta.

Deixar un comentario