NUCLEARES

nucleares

Artigo publicado en Xornal de Galicia o sábado 19 de marzo 2011.

A enerxía nuclear ten un potencial inmenso, posiblemente un dos maiores de todas as enerxías actualmente dispoñibles, e aínda do conxunto das enerxías que poidamos imaxinar de cara ao futuro. O átomo constitúe unha das materias primas máis abundantes do universo e todo o que podamos pensar respecto ao seu uso como fonte de enerxía, será unha posibilidade bastante probable no futuro a medio e longo prazos.

Estas evidencias ocultan tras o seu optimismo outra evidencia tamén innegable: non estamos en condicións de explotala con garantías ou, noutras palabras, os riscos asumidos nas actuais condicións tecnolóxicas exceden con moito o que estamos dispostos a aceptar razoablemente.

O debate nuclear ten moitas arestas: custos, consecuencias ambientais, residuos, seguridade –non esquezamos que algúns dos nosos medos máis pavorosos proceden dos efectos maléficos desta enerxía en forma de erro humano ou de atentado terrorista–, pero todas elas se sintetizan nunha: o cálculo dos riscos. ¿Ata onde estamos preparados para asumir as consecuencias dunha crise nuclear? ¿Cal é o nivel de risco a partir do cal dicimos “ata aquí cheguei e non estou disposto a pagar máis por gozar das vantaxes desta enerxía”?

No debate sobre o nivel de risco hai un gran maniqueísmo. Para os pronucleares, os opositores son uns esaxerados catastrofistas instalados sempre no caso peor, capaces de presentarnos as imaxes máis duras e improbables con tal de saírse coa súa. Para os antinucleares, os defensores do nuclear son uns temerarios irresponsables, egoístas e avarentos, dispostos a sacrificar o ben común polo seu maior beneficio. Ningún dos extremos ten razón. A esaxeración é tan mala compañeira da verdade, como a avaricia da responsabilidade.

Pero, se do risco estamos a falar, o equilibrio entre a verdade e a responsabilidade atópase no punto intermedio. A enerxía nuclear ten un potencial inmenso que non estamos preparados para explotar sen un nivel de risco irresponsablemente elevado. Tanto, que botarse aos brazos da nuclear representa máis un xogo da ruleta rusa, de probabilidades e adiviñas, que de decisións transparentes e asumidas con todas as súas consecuencias.
Fukushima non é o peor escenario posible, de feito é un dos menos malos dentro dun contexto de crise nuclear. Aínda así, foi suficiente para saberm que ese nivel de risco non estamos dispostos a asumilo. E non asumir Fukushima significa non asumir esta enerxía nuclear.

Os pronucleares teñen ferramentas comunicativas relativas á “xeración” da central, ou o irremediable da enerxía no actual contexto de demanda. Ningunha delas afronta o risco, e ningunha delas nos conta por que debemos aceptar un perigo inaceptable xa nos seus niveis máis baixos. Sei do complicado que é loitar contra o marco do crecemento, da irreprimible necesidade do homo technologicus por dominar todo novo coñecemento. A nosa supervivencia está en xogo alén das probabilidades. Este é o momento de dicir, “de momento non, grazas”. No futuro, quen sabe…

Pódese ler o artigo orixinal clicando aquí.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s