TOUROS E ‘CORREBOUS’

CORREBOUS 1

A miña vida élles, supoño, como a de calquera outra persoa de a pé: paso o tempo traballando para ter cartiños que levar ao peteiro e ir pagando as facturas que se acumulan na caixa do correo. Transformadas por obra e graza da crise económica, con máis frecuencia da desexada, en cifras escritas na calculadora –neste século XXI as desgrazas, asumámolo, escríbense a golpe de bit. Un quefacer cotián no que unha das miñas alegrías é unha pequena cadeliña, de nome Linda, que se ten convertido nun dos seres vivos deste mundo dos que máis me alegro de ver cando se abre unha porta.

No Parlamento catalán, no entanto, vese que hai moi poucos deputados que teñan unha Linda nas súas vidas. Tanta leria cos touros de aquí para acolá e, por un aplastante resultado de 114 vs. 14, sae fortalecido o costume dos correbous coa escusa de: non se mata ao animal, nos touros si.

Aos que así pensan preguntaríalles: cal é o límite tolerable, se tal existe, para o sufrimento? Se fosen vostedes aos que se lles perseguise despois de prenderlles uns fachos candorosos e ardentes nos ollos, valeríalles ese argumento? Chegaría con dicirlles “tranquilo neno!, dá grazas a que segues vivo!” para escorrentar os demos da tortura cruel e criminal? Non o creo.

Aínda máis, levado este argumento ao extremo, a caza e a pesca lideran en número de vítimas a listaxe das actividades de ocio humano que implican morte animal e que deberían, por boa lóxica, ser inmediatamente erradicadas por tan preocupado Parlamento. Pensan as súas señorías tomar algunha medida ao respecto? Véxollo ben difícil.
Quizais porque, aínda que Franco (Paco, para os amigos) era un gran afeccionado a ámbalas actividades, e máis que sonadas son as lendas da habelencia dos seus axudantes en chantarlle a presa na punta do rifle ou no cabo do sedal, ningunha delas ten competencia en españolidade coa, para máis inri, chamada Festa Nacional –o discurso inverso vale para a defensa dos touros, claro está. Os animais e a súa dignidade pouco teñen que ver con esta votación. Doutro xeito, sería incomprensible a distinción entre a morte e a non morte. Se trasladásemos este debate a unha dimensión humana, falariamos dunha relación en absoluto dialéctica: morte e tortura, quitar a vida ou reducila á suposta decisión aséptica do destino… Estupideces!

Non falamos aquí de dereitos senón de algo moito máis valioso e universal: o recoñecemento da vida (in extenso, sen escusas que vallan!) como un ben inalienable. CiU e ERC, promotoras desta absurda idea –co ridículo dun PSC covarde e dun PP ancorado no pasado–, deberían pensar na desesperanzadora mensaxe que están promovendo: a tortura animal é boa se serve para botar unhas risas… sempre que o animal non morra. Pero, que clase de barbarismo de novo cuño é este?

Menos mal que aínda hai coherencia en ICV que, dende o discurso de respecto á dignidade da vida, foi a única forza en votar contra dunha tradición, en canto asentada no espectáculo do desesperado sufrimento doutro ser, inxustificable e desprezable.

Clonemos as Lindas deste mundo e espallemos a súa mensaxe: o brillo intenso da vida, máis alá da súa forma, nunca ninguén debe sentirse na posición de poder chegar a deslustralo ou extinguilo. Eu véxollo a Linda acotío nos seus ollos, e daría parte do que son porque sempre puidese seguir brillando.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s