(33) LO QUE PERDIMOS: Catherine O’Flynn

lo que perdimos catherine

A historia de como este libro chegou ás librerías é a súa primeira arma publicitaria: rexeitado por máis de vinte editoriais, chegou á mesa dunha pequena empresa que, con valor, e asumindo o risco de semellantes precedentes, se decidiu a publicala… e acadar o éxito de ventas… e mesmo a adaptación cinematográfica. O número de linguas ás que se traduce vai en aumento. Os premios e finalistas chóvenlle a mares. As ventas acompañan ao libro alá onde cae.

Cando me atopo cunha historia destas, o primeiro en quen penso é no conxunto de editores que rexeitaron a obra. Pensamos en precedentes excepcionais: como o de Gabriel García Márquez e Cien años de soledad. E poucas veces lembramos as innumerables veces que os editores, co seu criterio, nos libraron de soportar infumables libretos. Ben, ¿sería esta novela un acerto dos vinte e pico editores que a rexeitaron antes, ou realmente aquela pequena editorial ten traballando alí a un editor de instinto descoñecido?, e os xurados dos premios, ¿acertarían coas súas loas, ou serían un reflexo da promoción mercada a golpe de talonario? -da que tanto se acusa nestes últimos anos ás editoriais. Entremos no libro, e vexamos a ver.

A historia ten clixés que, por repetidos, xa soan a coñecidos a moitos lectores: unha personaxe infantil (Kate Meany) serve de eixe para articular unha reflexión melancólica, con mestura de intimismo e humor, sobre o que perdemos durante o devir das nosas vidas e o irremediable paso do tempo.

Para iso, a novela dispón un espazo común: o centro comercial de Green Oaks; dous tempos: o pasado de 1984 e o presente de 2003; e o personaxe de Kate Meany unindo ámbolos argumentos. No medio, unha miríade de personaxes heteroxénea que, traballando ou relacionados indirectamente co centro comercial, constrúen un discurso persoal sobre as súas sensacións de soidade, perda, melancolía, frustración…

Coa advertencia de que estamos ante unha ópera prima, pois Lo que perdimos é a primeira novela de Catherine O’Flynn, quizais poderiamos desculpar unha estrutura narrativa simple e deslabazada, e un ton narrativo moi pouco definido. O que non ten desculpa, cando menos para min, é o vacuo dalgúns personaxes, da pouca emoción que me evocan, do desdebuxados que os percibo. E, sobre todo, da simplona e reiterativa reflexión que se nos propón. Lemos xa abondas novelas con personaxes como estes, como para emocionarnos ou sorprendernos por unha historia que pode resultar, cando menos para min foino, copia deteriorada doutras anteriores.

O máis salientable da novela é a primeira parte: “Falcon detectives”, onde se nos presenta e sitúa a Kate Meany. Nalgunhas pasaxes si consegue transmitirnos unha sensibilidade e inocencia xenuinas. A lástima é que, tanto se abandone a historia de Kate (gañan terreo personaxes insubstanciais) despois dunhas prometedoras 90 primeiras páxinas, como se aborde a súa interesante historia cun ton narrativo e creatividade bastante limitadas e que en pouco axudan a “querer” á personaxe.

Os editores que a rexeitaron, creo que acertaron de pleno. A historia ten, certamente, virtudes e promesas de futuro. Pero Lo que perdimos, posta en conxunto sobre a balanza, non garante outra cousa que clixés coñecidos xa polos lectores, unha reflexión pouco orixinal, e un elenco de personaxes sen vida interior, postos sobre unha estrutura confusa de escenas na súa meirande parte irrelevantes. A pobriña de Kate tivo a mala sorte de crecer sobre unha obra que foi quen de prometer moito, pero que cumpriu máis ben pouco; unha lástima.

CUALIFICACIÓN: Lo que perdimos, de Catethine O’Flynn: 4,5/10

PRÓXIMO LIBRO: Vida de consumo, de Zygmunt Bauman

Advertisements

One thought on “(33) LO QUE PERDIMOS: Catherine O’Flynn

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s