(23-25) TRILOXÍA “FRANK BASCOMBE”: de Richard Ford

ford periodista deportivodia independencia richard fordaccion de gracias richard fordrichard ford personal

A Richard Ford recoñéceselle a mestría no relato curto, tanto como autor da xenial compilación Rock Springs, como compilador e editor da xenial obra Antología del Cuento Norteamericano.

Pero onde destaca, cando menos para min, é na novela. Sobre todo, porque é un dos poucos autores que recorre á novela, e especialmente á personaxe de Frank Bascombe, cando lle peta e cando cre que el, vital e existencialmente, ten algunha reflexión ou especiencia que compartir.

Por iso Bascombe está tan cargado de referencias autobiográficas, por iso as súas tres novelas se publicaron ao longo de máis de dúas décadas: porque o proxecto Bascombe-Ford non é unha obra editorial, senón persoal; non é publicitaria, senón intimista; e non conta un argumento pechado, senón que mostra unha experiencia vital, individual e colectiva, aberta e en permanente transformación. A historia dun personaxe-autor e dunha sociedade-país que, en cada novela, aporta novos pasos que calquera lector, indepentemente de contextos ou pretextos, pode identificar e sentir como propios. Frank Bascombe é Richard Ford da mesma forma que, nalgunha parte do seu ser, é cada un de nós.

A triloxía é, por tanto, unha traxectoria vital. Ler os seus tres libros é asistir a unha vida que cambia de tal forma que cada Bascombe é un personaxe distinto ao anterior, cargado con novas experiencias, novas intelixencias e novas etapas que o transforman. O Bascombe inmaduro, divorciado, inconsciente, retador, dislocado de El periodista deportivo; deixa paso a un Bascombe responsable, paternal e frustrado en El día de la Independencia; que, en Acción de Gracias, é xa un pai asentado na súa idade madura e onde encara tanto a enfermidade como a morte dunha forma consciente e directa, sen certezas pero tamén sen inseguridades.

As etapas vitais que se queiman é, nese ano sentimental que parece presentarnos o conxunto das novelas, o paso do comezo de ano, de El periodista deportivo (xaneiro-febreiro); ao Día da Independencia, (4 de xullo); e a Acción de Gracias (cuarto xoves de novembro). O final do ano, a morte, achégase, e conforme ese momento está máis preto, Bascombe muda ata que parece incorporar a vida de forma natural ao devir inevitable dos acontecementos. Quizais por iso parece recoñecer sempre regras, tipos e períodos de existencia nos que as persoas, cada unha no seu tempo, miran á vida con ollos tan distintos (diacronicamente) como idénticos (sincronicamente).

Polos seus títulos, é normal que a dimensión espacial norteamericana chegue a despistar. Non son poucas as persoas que, sabedoras destas miñas lecturas, vían nestas novelas a típica literatura “ianqui”. Nada máis lonxe da realidade. O espazo é sentimental. E se ben é certo que percorreremos as estradas e recunchos do estado de Nova Jersey, e mesmo de Pennsylvania e Ohio nalgún momento, non debemos esquecer que o “espazo” da triloxía non está nas localizacións da acción, senón nos recunchos sentimentais onde Bascombe desvela cada unha das súas etapas e pensamentos. O espazo e o tempo teñen unha relación tan íntima neste proxecto vital-artístico-literario, que mesmo chega a despistar.

Non sabería quedarme con ningún dos tres libros, nin recomendar algún sobre outro porque, seguindo a lóxica da triloxía, o Richard Ford que escribiu cada unha das tres novelas é unha persoa, sentimental e literariamente, diferente á anterior. Por iso elixín unha lectura sucesiva e lineal. Para que os cambios se me fosen desvelando segundo foron acontecendo, seguindo a liña de continuidade da vida que retrata e cartografía. E chegado ao último punto da última liña destas case 1800 páxinas, sinto que non teño que arrepentirme desta decisión. Agora coñezo máis e mellor a Bascombe que de ningunha outra forma posible, e quizais a Richard Ford tamén. E sinto, ademais, que sei algo máis sobre o que levo vivido, o que sinto nestes momentos, e do que me queda por vivir. ¿Que máis se lle pode pedir a unha novela?

Iso si, advirto. Esta triloxía non é de lectura sinxela. O ritmo narrativo, coherentemente co obxectivo da obra, é repousado e reflexivo. A súa cotidianeidade non depara grandes sorpresas, nin trepidantes momentos de acción. É unha novela vital tan simple como a vida mesma. Iso si, amosa un nivel de reflexión e, sobre todo, un sentido de humor irónico-realista-retranqueiro tan puro, que mesmo da máis tensa das situacións sempre pode sacar o sorriso (nunca a carcaxada) de quen sabe do absurdo da meirande parte das vicisitudes da vida.

A única recomendación que podo darvos é que afrontedes esta serie de novelas inevitablemente, e que vos forcedes e esforcedes en lela con ollos abertos; debido ao innumerable dos seus tesouros ocultos. Iso si, advirto, lédea só cando creades estar preparados para a reflexión vital sobre vós mesmos e as vosas vidas; será ese o único momento no que un proxecto literario deste tipo poda aportarvos todo o potencial de descubrimento e experiencia que garda nas súas páxinas. Estades(-mos) ante un dos proxectos máis grandes da historia da literatura norteamericana e, quizais, das letras universais, e hai que lelo como tal circunstancia merece.

CUALIFICACIÓN: Triloxía “Frank Bascombe”, de Richard Ford: 10/10

Próximo libro: (26) LA MEJOR DEMOCRACIA QUE SE PUEDE COMPRAR CON DINERO: de Greg Palast.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s