(20) LA GUERRA DEL PACÍFICO: de Alan Schom

alan schom

Este é o único libro publicado en castelán do experto en Napoleón e, sobre todo, nas batallas de Trafalgar e Waterloo, Alan Schom. Un autor que, pola narrativa que amosa neste libro, ten un verbo fluído capaz de facer terriblemente dinámicas e realistas, vívidas e exactas, as distintas batallas navais que abranguen o tempo do libro: 1941-1943. Ao que hai que sumar dúas virtudes máis: (i) unha análise socio-histórica das razóns do conflito que completan o cadro; e (ii) a honestidade de disparar con crudeza contra calquera bando, sen favoritismos, con claridade nas filias e nas fobias, e destacando con acerto -creo-a escala de grises duns e doutros.

Para min foi un descubrimento a “deconstrución” e “destrución” da figura do xeneral e xefe do exército no pacífico Douglas McCarthur. A compartiva que realiza entre o valente militar que serviu na Iª Guerra Mundial e o pasivo e ególatra, mentireiro e incapaz, da Guerra do Pacífico, colleume tan desprevido que aínda estou recuperándome do impacto. Tampouco se morde a lingua ao defenestrar a outros, como a Ernest J. King, Scott, Fletcher… Nin de louvar o valor do inimigo e, sobre todo, do impasible e tenaz Tanaka Raizo. Os pequenos e breves retratos biográficos son pílulas sinceiras e ilustrativas de con quen se xogaba o pan os EEUU naqueles primeiros meses da Guerra.

Na análise política, o máis traballado é o papel dun Franklin D. Roosvelt a quen sabe sacarlle moi ben os defectos e as virtudes: un home de firmes decisións, que nunca perdeu o sentido da realidade, que sempre tivo clara a prioridade de Europa, pero que ao mesmo tempo estaba comprometido coa guerra no Pacífico, capaz de poñer firmes a vellos amigos particulares como McCarthur ou enfrontarse a figuras como King, ao tempo que construía unha forte alianza política e relación persoal con Churchill (xenial a anécdota na que Roosvelt “caza” a Chourchill espido na súa habitación da White House); pero confiado con respecto as necesidades estratéxicas de Xapón e o papel de Hirohito.

Nas batallas, o período 1941-1943 foron os anos que os EEUU levaron unha somera somanta naquelas augas. Dende a derrota estrepitosa de Filipinas, ata a resistencia heroica dos Marines en Guadalcanal, pasando pola vitoria pírrica americana de Midway ou todas as demais vitorias xaponesas daquel período -con humillacións navais, tácticas e estratéxicas, que sen embargo non fixeron enroxecer de vergonza aos seus responsables.

O “pero” está en que pon demasiado énfase nos aspectos individuais daquel período. Os EEUU parecen ter perdido aqueles primeiros anos, fundamentalmente, por a suma incompetencia de moitos dos seus altos mandos, tanto en Pearl Harbor como nos buques destinados en augas bélicas. Un “personalismo” que, se ben a historiografía admite como relevante, tamén adereza con outra causalidade que, se ben aparece, non parece pasar da anotación: a falta de equipamento adecuado, persoal pouco adestrado, falta de coordinación entre mandos e corpos, etc. Estráñame moito, por exemplo, os continuos e reiterados problemas no sistema de comunicación entre os buques.

Quitando iso, a obra alecciona, ensina, mostra e entretén cunha honestidade e sinceridade que pode gustar ou non, concordar ou non, pero que, cando menos, ten a virtude de non deixar indiferente a ninguén. Moi recomendable. Terriblemente divertida. Hai que lela. (Paidós, Col. Contemporánea).

CUALIFICACIÓN: La Guerra del Pacífico: 8/10

Próximo Libro: (21) La Revolución Rusa. De Lenin a Stalin (1917-1929), de E. H. Carr. Alianza editorial.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s