(13) OTHELLO: William Shakespeare

othello cutre

Unha das supostas grandes traxedias shakespirianas, aparecida por primeira vez en 1622, 6 anos despois da morte do autor (1616), e que se conserva só en versión impresa -a penas existen manuscritos de William Shakespeare.

E digo “suposta” porque algo atopo en Othello que non teño visto con anterioridade na obra Shakespiriana que levo lida: confusión no uso do espazo, cun salto da acción de Venecia a Chipre; irregular uso do tempo, coa necesidade de interpoñer breves e insubstanciais escenas para que o manexo do ‘tempo’ teña a súa lóxica; unha construción que parece irregular entre o I e II actos, por unha banda, e a serie do III ao V actos, por outro; e un tratamento moi moderno de temas transcendentes: por exemplo, a figura de Emilia, a muller de Iago, xoga con figuras e imaxes que falan dunha muller en igualdade có home, superior na súa relación ético-moral, e que ademais “traizoa” a relación matrimonial con Iago para impoñer a verdade en defensa de Desdémona, e aínda a costa da súa propia seguridade.

Por moitos motivos, o Shakespeare de Othello non se me asemella a aquel de Romeo e Xulieta, Antonio e Cleopatra, ou Julio César. Iso si, o discurso do feminino shakespiriano paréceme un discurso moi recoñecible, se ben sempre oculto en personaxes secundarias e, sobre todo, terriblemente amargo: o amor sinceiro e inocente sempre debe convivir coa envexa, a traxedia sempre o emborrona todo, e Shakespeare elabora na súa obra un denso catálogo das formas desa ameaza. Nesa reflexión o ollo feminino que introduce a perspectiva razoable, o sentido común, fixo permanentemente oculta no segundo plano; se ben o seu discurso e presenza faise moi recoñecible.

O personaxe de Iago tamén é moi interesante. Non só pola forma da súa maldade, senón máis aínda pola capacidade que ten para motivar con transparente obxectividade o seu rol: define os seus comportamentos, asume a súa maldade, e sitúa as súas accións dentro do conxunto da traxedia con cirúrxica exactitude. Isto fai que, se ben Iago asume o rol da maldade nuclear, que move todos os fíos da traxedia, esa reflexión produce un distanciamento entre a ruindade “pura” que tantas veces vimos, que busca o mal polo mal, e a ruindade “motivada” e perfectamente presentada: ten un motor de razóns que explican a súa forma de ser e que funcionan de forma paralela á personaxe de Iago. Está universalizándose a maldade dos homes a través da súa boca?!

Othello representa, de feito, un perfecto arquetipo: cegado polas insidiosas inxurias de Iago, rexeitando calquera outra fonte de confirmación/desmentido, actúa contra Desdémona cegado polos ciumes e impulsado pola ira. A súa inocencia sentimental é a base duns ciumes que crecen canto máis elucubrada e elaborada se volve a trama de Iago. Se ben, o irregular do xogo espazo-temporal de Othello, fai que pensemos que é un lóstrego o tempo que transcurre dende o matrimonio de amor, ao asasinato por ciumes; moi difícil de presentar sobre un teatro, pero moi adecuado para unha visión cinematográfica do clásico.

E Desdémona, pobre Desdémona! Namorada dun home co que casou en segredo, en contra da vontade paterna, rexeitando a excelentes pretendentes, e entregada ao máis sinceiro amor, personificando o ideal amoroso, cae vítima duns ciumes xerados dende a sospeita, a insidia pero, sobre todo, a falta de confianza de Othello na amada e, por tanto, no amor. Que amarga é a mensaxe de fondo de Othello!!! Máis triste aínda, posiblemente, que a traxedia en si mesma.

O final tamén trae novidades. Para min un dos finais máis “realistas” de Shakespeare, porque mestura a xustiza coa inxustiza, o resarcimento dos danos sufridos co pago polos males feitos, onde non hai drama puro ou bondade pura, happy end ou horrible end. Se ben, tamén teño que dicilo, o V acto paréceme abrupto demais, con certos fíos resoltos dunha forma en exceso tosca. Un final forzado demais polas circunstancias.

Moito máis podería dicirse de Othello. Unha obra singular, con notables diferenzas sobre o común da obra Shakespiriana, pero que merece terse en conta se ben, para o meu gusto, non como unha das mellores obras de Shakespeare.

CUALIFICACIÓN: Othello: 6,5/10

Próximo Libro: Lolita, Vladimir Nabokov

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s