(3) TIGRE BLANCO, de Aravind Adiga

white tiger

Dúas cousas ten a primeira novela de Aravind Adiga para que me animara a lela neste 2009. Primeiro, gañou un premio que considero bastante coincidente coa guía de por onde circulan os meus gustos: Booker 2008. Segundo, retrata e trata da historia recente dun dos países que máis me fascina: a India. Porque Tigre Blanco ten moito que deberllle a unha das mellores novelas que xamais teño lido, e que gañou precisamente o Booker of Bookers (o mellor premio Booker da historia): Hijos de la medianoche, de Salman Rushdie; que recomendaría a todo o mundo como un esencial libro de cabeceira.

Adiga escribe ben. A novela ten un ritmo moi dinámico, o tema é moi interesante, os personaxes teñen unha enorme vitalidade… Ademais, fai un excelente e moi crible retrato da India contemporánea: a durísima crítica á “xaula” do seu sistema sociolóxico encerra tamén críticas adxacentes a un sistema político corrupto, a unha democracia de papel practicamente inexistente, á evolución dunha sociedade amoral, a un crecemento económico afastado da dignidade e a ética máis elemental… Unha exploración excelente dos mecanismos de crecemento económico, industrialización e progreso, á par que unha crítica descarnada a un proceso de modernización historicamente cíclico e xeograficamente mimetizado.

As ideas antigas conseguen achegar, así e todo, novas imaxes e valentes interpretacións do que está pasando no contexto indio; onde, por certo, ¡os chinos volven aparecer, ¡¿será que Mankell non anda tan desencamiñado?! Bhalram, un pobre home nacido no rural indio, vive un proceso de progresivo recoñecemento e toma de consciencia do que está pasando no seu país. Os seus ollos son un camiño sobre o que vai evolucionando, dende a primeira inocencia ata á mímese final coa corrupta moral nacional, a imaxe e a opinión de que é e en que se está convertindo a India de comezos do séc. XXI. Ademais de gardar duras balas dedicadas ás estruturas sociais tradicionais. A súa relación coas clases altas, o seu traballo de chófer, ata o seu rematar como prominente empresario da cosmópole de Bangalore son o camiño vital polo que Adiga nos conduce con bastante bo tino.

Sen embargo, facer un correcto uso dun bo estilo para escribir, non implica facer literatura. As personaxes, todas sen excepción, son terriblemente planas, a descrición dos comos e os porqués contextuais rara vez incorporan unha exploración interna que faga madurar ás personaxes. Un personaxe como o do señor Ashrok, o xefe honesto de Bhalram que regresa dunha longa estancia e feliz matrimonio dos EUA, cun enorme potencial de maduración, queda apenas como figurante e caricatura do que puido ter sido. As relacións persoais, os ambientes… un enorme potencial desperdiciado, en canto toda a novela parece servir como único artefacto xustificador dun obxectivo: retratar á India contemporánea de hoxe.

Por iso me sorprende, enormemente, que Tigre Blanco teña recibido o Booker Prize 2008. Non creo que estea á altura do premio, pois queda ensombrecida, escurecida mesmo, ao lado doutras magníficas obras recoñecidas con este Galardón. Adiga demostra, con todo, estilo e creatividade, sentido do humor e fina ironía, pero pouco máis no aspecto literario ca evitar caer na poza do descrédito. Iso si, conste, Tigre Blanco lese rápido, garante agradables momentos, e supón unha lección sociolóxica, histórica e politolóxica moi interesante e intensa; só por iso xa cabe recomendar a lectura da novela.

Puntuación: Tigre Blanco, 5/10

Próximo libro: (4) El señor Pip, de Lloyd Jones (ed. Salamandra)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s