Quantum of Solace 007: crítica

quantum of solace

Con enormes gañas e expectación cheguei o sábado ao cinema a ver a última película de James Bond: Quantum of Solace. Con todo, xa ía preparado para ver unha película peor que Casino Royale, esperaba que se notase o cambio de director dende Paul Greengrass (Casino Royale) a Marc Foster (Cometas en el cielo), e as miñas precaucións -visto o visto- eran ben necesarias.

Quantum of Solace é unha película cunha deficiente dirección, que se ve incapaz de sacar adiante un bo guión e, sobre todo, de aproveitar o inmenso traballo de Greengrass -sabida a dificultade que supuña revolucionar unha franquicia tan popular como a de Bond da excelente forma que el fixo. Ademais, a promoción da película lanza espectacularmente a un actor que, se non foses patrio, a penas darías recoñecido: o Sr. Guillén Cuervo ten un papel breve que malogra cun traballo pésimo de sobreactuación e de xestos remarcados ata semellar un histrión calquera.

Foster abusa da acción descafeinada, presenta unha montaxe desfiañada, e amosa unha pésima dirección en tiros de cámara nas esceas de acción. Ademais, utiliza trazos xa presentes en Casino Royale de forma descarada, case copiada.

Outro tanto podería dicirse da produción: demasiadas localizacións sen personalidade e ás que se lle saca moi pouco proveito.

Os actores bos, sen embargo, saben facer o seu traballo a pesar de todo. Daniel Craig repite un Bond moi solvente. Jeffrey Wright reaparece como un Felix estupendo que, de seguro, gañará peso en posteriores entregas. Giancarlo Gianni repite como Mathis, cunha escea fundamental da película e unha gran actuación. E outro tanto se pode dicir do novo malo de Bond, Mathieu Amalric. As “chicas” Bond, incluída Kurylenko, poderían ben non puntuar por incomparecencia, agás se consideramos á sempre notable Judi Dench como “chica Bond”: o seu “tempo en pantalla” e o seu “rol” na película é intranscendente; como debería ser nunha entrega onde a dor pola morte de Vesper (estupendamente interpretada no seu día por Eva Green) debería copar toda a atención sentimental de Bond.

En definitiva, Quantum of Solace é unha entrega prescindible que demostra a man irregular de Marc Foster, ademais de incapacitalo para dirixir entregas complexas, tanto dende o guión como dende o punto de vista técnico da dirección. A solvencia da película dana uns actores que, no xeral do elenco, fan un papel entre o aceptable (Kurylenko) e o moi bo (Dench e Craig) e que son os que sosteñen, ao final do metraxe, a saga dun Bond que deberá recuperar o pulso na terceira entrega, que se espera chegue ás pantallas en 2011.

¿Volverá Greengrass a facerse cargo de Bond? Se o pasado servise para algo dariámolo por seguro: Greengrass retomou a saga de Jason Bourne na terceira entrega despois do traballo de Doug Liman na segunda. Ademais de que o “novo prototipo de heroe”, humano e franco, con debilidades e sentimentos, é un trazo que Greengrass manexa con man mestra. Ogallá volvera Greengrass a Bond, sería a forma de retomar unha franquicia moi prometedora e que, de cara a futuras entregas, presenta unhan moi boas credencias… a pesar, claro, de Quantum of Solace.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s