USA, QUE ENGANADOS NOS TIÑAS!

dolar usa crise

Hoxe quero traervos unha reflexión que figura como artigo de opinión no Xornal.com. Para todos aqueles que pensades que o liberalismo é o culpable de toda a crise actual, velaí unha opinión que fundamenta, precisamente, a postura contraria: o intervencionismo sempre crea problemas:

“No imaxinario colectivo planetario falar de “Estados Unidos de América” significa pensar en grandes cidades enchidas de miseria en carriño de rodas, nun sistema sen límites nin barreiras nas que o forte sostén e proxecta todo o seu peso sobre o débil, causando inxustiza e desigualdade. Mesmo podemos verbalizar esta imaxe con expresións tan sonoras como “american dream” ou “american way of life”. Un país libérrimo onde cada quen, dentro dos límites da seguridade do outro, pode facer case de todo.

A cada traspés do xigante pensamos que a culpa é, precisamente, dese liberalismo salvaxe: Enron, Bear Stearns, Merrill Lynch, Lehman Brothers ou AIG son as caras desa verdade indubidable que todos, dalgún xeito, damos por certa. Velaí o resultado dunha clase capitalista amante do beneficio rápido e inxente, a costa do sacrificio do sistema económico colectivo e, en último termo, dos cidadáns con maiores problemas para sobrevivir no maremagno cruento de macrotendencias e ciclos económicos.

Os USA, sen embargo, non son nin libres nin liberais. ¡Quen nos dera que así fose! A condición sine qua non para a toma libre de decisións, en canto tomadas con responsabilidade, brilla pola súa ausencia en todos cantos casos se teñen producido: a información. Ironicamente, foron as institucións (públicas) reguladoras as que ben permitiron interpretacións contables sui generis (Enron), ben modificaron o marco regulador en favor de prácticas de alto risco (hipotecas subprime). Propóñolles falar, entón, non en termos de “desregulación” senón de “pésima regulación”.

Acóllome, como proba fehaciente, a políticas como a agrícola que, cun proteccionismo que ruborizaría ao máis ousado, pecha as fronteiras a países en vía de desenvolvemento e, en último termo, aproveita a economía de escala para reconverter esas ameazas externas en ‘dependencia’. O regulador, novamente, intervén na busca do beneficio propio cunha mirada de moi curto recorrido e xerándolle efectos negativos a terceiros. ¿A que este cadro sona moi recoñecible?

O problema dos USA está, xa que logo, na opacidade, na falta de transparencia, na intervención basada en clixés subxectivos e falsos (na súa abrumadora maioría) que envían estímulos espurios e xeran consecuencias acorde coa forma e o fondo do proceso de toma de decisións. A connivencia entre clase económica e política nos Estados Unidos de América é unha realidade. Os propios aspirantes a xestionar a fonda crise americana, Barack Obama e John McCain, non aforran vaguidades para deixar claro o seu respecto polo actual status quo político-económico.

O liberalismo foi un imposible, mesmo podería ser unha utopía, dende o momento no que a liberdade, a través da información transparente e veraz, se transformou nunha mercadoría con prezo de venda. O mercado non é libre cando os seus devires e consecuencias responden a vontades privadas. A receita liberal segue sendo nos USA, aínda que resulte chocante, unha utopía moi lonxe de converterse algún día en realidade. Os USA, hai que ver o enganados que nos tiña!”

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s