MARTIÑA, A MARMOTIÑA

 

Poesía de cabeceira,

realidade flagrante,

teño unha moza que durme,

¡Dios Mediante!,

como rocha de diamante.

Só xente excepcional é capaz de acadar metas excepcionais. E a miña moza, como non podía ser menos aguantando a quen aguanta, é unha persoa excepcional.

Entre tódalas súas particularidades, connotacións e idiosincrasias características só unha envexo cunha rabia que roza a malicia: a súa capacidade para durmir en calquera momento e en calquera sitio. Tanto é así que, ¡milagre dos milagres!, é capaz de teletransportarse do sofá ata a camiña sen consciencia motora, unicamente co piloto automático do soño posto. Cada vez que fai iso sempre penso o mesmo: “Miña nai, quen puidera!!!”.

Reflexionando sobre a causa de tan grande logro, observando estudos científicos, comparando con outros casos, analizando os exemplos dos que teño coñecemento indirecto ou experiencia propia… ou sexa, facendo prospeccción intelectual de feito tan extraordinario, cheguei a, cando menos, localizar unha posible clave: as ‘ondas delta’.

Cara de sorpresa. Sentimento de consternación. Un novo misterio por resolver aparece no horizonte: ¡¡¿como pode executar a teletransportación emitindo, unicamente, ondas de non máis de 3 Herzios de frecuencia?!! Así, con dúas admiracións, para que se note o desconcerto. As hipóteses agólpanse na miña cabeza: ¿será Martiña unha extraterrestre?, ¿quizais unha super-heroina?, ¿ou, simplemente, ten un desenvolvemento cerebral que lle permite facer cousas alén do razoable? (hipótese esta plausible, insisto, a conta de con quen comparte teito).

Aínda a día de hoxe, a forza de tanto pensar, non fun quen de saber como o fai. Con todo, e para cando nos veñades visitar…

Advertencia!: mirade ben onde depositáde-la vosa anatomía, Martiña pode estar durmindo xusto aí e, de despertala, as consecuencias poderían ser terribles.

Precaución!: a falta de averiguar, finalmente, o misterio das súas ondas cerebrais, aconséllase entrar na casa xa co casco de aluminio posto na cachola, non vaia a ser que vos enmeigue, enfeitice, conquiste e cautive; eu non fixen caso de advertencias e precaucións e xa estou perdido, vós aínda tedes posibilidade de salvación.

Non digades logo que quen avisa é traidor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s